PROXECTO ECOSTREAT
O obxectivo xeral do proxecto «DESENVOLVEMENTO DE NOVO SISTEMA ECOLÓXICO DE TRATAMENTO DE SUPERFICIES DE XEOMETRÍA VARIABLE», “PROXECTO ECOSTREAT”, é o deseño e desenvolvemento dun sistema autopropulsado eficiente desde o punto de vista ambiental para a realización de operacións de tratamento superficial de cascos de buques de diferentes tamaños, tipoloxías e xeometrías, que pode extrapolarse a calquera outro tipo de industria.
ECOSTREAT formúlase como un proxecto de desenvolvemento experimental de carácter industrial orientado a incrementar a eficiencia desde o punto de vista ambiental e operativo do proceso de tratamento de superficies de xeometría variable a través de tres vías diferentes: na optimización dos traballos, na redución do volume de residuos xerados polos traballos (fundamentalmente granalla e pintura), así como tamén na diminución dos niveis de contaminación acústica para empregados e habitantes da contorna.

Esta iniciativa está cofinanciada nun 100% con cargo a Fondos FEDER. Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación, e conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria (IN852A 2018/12)
Consorcio: O consorcio está formado por tres empresas que centran a súa actividade na cadea de valor do sector naval: • Nodosa: Como Estaleiro e líder do consorcio, será o encargado da fabricación da cabina de operacións e da futura validación do prototipo desenvolvido. • Industrias Ferri: Que se está a encargar de deseñar a solución de sistema autopropulsado que sexa capaz de mover con liberdade, eficiencia e seguridade a cabina de operacións. • Chorro Naval: Responsable de realizar toda a gama de ensaios de pintado e chorreado e de definir todos os condicionantes previos de optimización da cabina para a redución do volume de residuos xerados e a diminución dos niveis de contaminación acústica.
Avances 2018
Na primeira anualidade do proxecto, comezado en 2018, avanzouse principalmente na Revisión do estado da arte e na análise de datos, de forma que se identificaron os aspectos relacionados cos condicionantes que hai que ter en conta tanto a nivel operativo como a nivel da solución de granallado/pintado; a actividade inclúe unha toma de datos en campo para corroborar os datos teóricos con información.
Avances 2019
Na segunda anualidade do proxecto, correspondente ao ano 2019, o proxecto atópase na fase final de Deseño do Sistema de Cabina, onde xa se definiu a listaxe de materiais necesaria para a súa construción, e tamén está a finalizar o Deseño e Desenvolvemento da Plataforma de Traballo e Sistema de Mobilidade.
No proxecto cóntase coa colaboración da Universidade de Vigo e da empresa especializada en acústica Sound of Numbers, que realizaron un estudo conxunto sobre o impacto acústico do Estaleiro na ría de Marín e propuxeron vías de mellora para reducilo e unha solución óptima de illamento acústico para a cabina de operacións.
O proxecto prepárase deste xeito para unha última anualidade na que se fabricará e validará o prototipo deseñado ata a data.
_______________________________________________________________________________________________
Avances 2020
Durante a terceira anualidade do proxecto, anualidade 2020, foi necesario facer fronte ao impacto da pandemia de COVID-19, o que motivou a extensión do proxecto ata decembro de 2020. Nesta anualidade levouse a cabo unha vixilancia tecnolóxica continuada acerca doutras formas de abordar a problemática do proxecto; concluíuse a Automatización e robotización da cabina; avanzouse de forma significativa ata finalizar o Desenvolvemento completo da plataforma, do sistema de mobilidade e do sistema de izado; e realizouse integramente a Integración do prototipo e a súa validación, coa súa ensamblaxe e a realización de diferentes probas.
